Xornada EDUCAR EN IGUALDADE DE XÉNERO

Nos últimos anos estamos observando con preocupación como determinados comportamentos, comentarios e actitudes machistas aparecen a idades cada vez máis temperás. Moitas familias escoitamos na casa frases, chistes ou comentarios que os nosos fillos e fillas traen do seu contorno escolar e social.

Moitas adolescentes son xa plenamente conscientes do machismo que experimentan por parte dos seus compañeiros e do que segue presente na sociedade. Outras nenas, pola contra, poden chegar a normalizar determinadas condutas sen identificalas como formas de desigualdade ou violencia, precisamente porque forman parte do seu día a día. Esa normalización ten consecuencias. O que hoxe pode parecer «só unha broma» ou «un comentario sen importancia» pode contribuír a construír modelos de relación, expectativas e comportamentos que afectarán ás nosas fillas e aos nosos fillos no futuro: nas súas relacións persoais, na súa maneira de entenderse e de relacionarse, no ámbito laboral e tamén na súa vida familiar e de coidados.

Por iso cremos que educar en igualdade é unha ferramenta fundamental tanto para previr como para paliar o impacto do machismo.

As familias e os centros educativos somos referentes fundamentais, pero nenos, nenas e adolescentes tamén aprenden do seu grupo de iguais, das redes sociais, dos medios de comunicación e dos modelos que lles ofrece a sociedade.

Precisamos, polo tanto, que familias e comunidade educativa camiñemos na mesma dirección, compartindo ferramentas e criterios para detectar, cuestionar e non normalizar aquelas condutas que perpetúan a desigualdade.

Hai algo que nos fai especialmente reflexionar: cando un neno ou unha nena fai un comentario racista ou homófobo, habitualmente identificámolo de inmediato como algo que debe ser corrixido. Por que non sempre sucede o mesmo cando o comentario é machista? Quizais porque durante demasiado tempo normalizamos determinadas expresións, bromas e comportamentos. Precisamente por iso consideramos necesario pararnos, falar sobre eles e preguntarnos qué estamos ensinando, con palabras, pero tamén cos nosos exemplos e coas nosas reaccións.

A nosa intención é crear un espazo de reflexión, diálogo e aprendizaxe compartida. Queremos que esta sexa unha oportunidade para dotarnos de ferramentas que nos permitan acompañar mellor os nosos fillos e fillas e construír entre todas e todos unha comunidade máis igualitaria e respectuosa.

A xornada está dirixida a familias, profesorado e a todas aquelas persoas que participan na educación e no acompañamento de nenos, nenas e adolescentes.

Terá lugar no Edificio Multiusos do Concello do Barco de Valdeorras, o sábado 26 de setembro, as 17h, e contará coa participación de Vera Ríos Carrillo, profesional especializada en igualdade de xénero e dereitos humanos, con máis de dez anos de experiencia internacional e traxectoria profesional en ONU Mulleres, en Xenebra.

Esta xornada conta co financiamento do Concello do Barco de Valdeorras.