A lactación materna é unha experiencia vital que, como todas as etapas, ten un principio e un final. Porén, ese final pode producirse de formas moi diferentes: pode ser esperado e desexado, darse de maneira progresiva ou producirse de forma abrupta e non desexada.
Esta xornada pretende poñer o foco precisamente nesta diversidade de experiencias e na importancia de acompañar cada destete de maneira respectuosa e individualizada, tendo en conta tanto as necesidades da nai como as do neno ou nena. Está dirixida tanto a familias e persoas interesadas na lactación e na crianza como a profesionais sanitarios que queiran ampliar os seus coñecementos sobre o acompañamento do destete.
Durante a sesión abordaranse cuestións como a definición do destete e as súas diferentes tipoloxías, a diferenza entre destete e abandono non desexado, estratexias para acompañar o proceso de maneira respectuosa e o impacto do destete na saúde mental materna e infantil. A actividade terá unha duración aproximada de dúas horas, con 90 minutos de exposición e 30 minutos finais destinados ao debate.
A xornada será impartida por Laura López Fuentes, TCAE, asesora de lactación materna e IBCLC (International Board Certified Lactation Consultant) desde 2020.
Conta con máis dunha década de formación e experiencia no acompañamento de familias e na divulgación sobre lactación materna. Desde 2014 colaborou como asesora e posteriormente como IBCLC en asociacións de apoio á lactación, acompañando numerosas nais e familias tanto en situacións de normalidade como ante dificultades.
Desde 2021 coordina as formacións de eCrianza, plataforma online especializada en formación sobre lactación materna para profesionais sanitarios e para persoas interesadas na certificación IBCLC e na súa actualización profesional. A súa actividade docente e divulgadora inclúe cursos, congresos e ponencias sobre diferentes aspectos da lactación materna, así como a participación en traballos científicos e iniciativas de protección e promoción da lactación.
Desde De Nai a Nai animamos a participar nesta xornada ás familias, ás persoas interesadas na lactación e á crianza e, especialmente, aos profesionais sanitarios que acompañan as nais e os bebés, co obxectivo de crear un espazo de información, reflexión e diálogo arredor dunha etapa que, a pesar da súa importancia, adoita recibir menos atención ca o inicio da lactación.
A xornada terá lugar no Edificio da Biblioteca Pública do Barco de Valdeorras, 4.º andar, e a entrada será libre e gratuíta. A actividade conta co cofinanciamento do Concello do Barco de Valdeorras.
