O
Barco, 24 de novembro de 2019. Nos recentes días publicouse a noticia
do PECHE DO PARITORIO do Hospital de Verín, así como das URXENCIAS
PEDIÁTRICAS, a partir do próximo día 1 de decembro.
Como asociación, queremos poñer de manifesto que estas noticias non
reflicten máis que o continuo desmantelamento e peche de servizos que
está a sufrir a sanidade pública comarcal, perdendo dereitos e obrigando
ás familias para ter que desprazarse ás capitais
de provincia para poder ser atendidas por servizos especializados.
Non podemos estar
máis en desacordo coas razóns que o SERGAS aduciu para tomar esta
decisión. E despois pregúntanse por que a natalidade no rural segue
baixando? E despois seguen criminalizando a aquelas mulleres
que deciden parir nos seus fogares?
Por todo iso, a Asociación quere, por unha banda, mostrar a súa
solidariedade coas familias afectadas e tamén a súa máis sincera repulsa
ante este tipo de políticas públicas que non fan máis que menoscabar os
dereitos de todas e todos, especialmente da poboación
máis vulnerable e carente de servizos públicos. A non atención ás
mulleres e a redución dos seus dereitos tamén é violencia.
A Xunta Directiva da asociación De Nai a Nai